Nova convocatoria de exames libres para a obtención do CODIX

codix
14Set

Nova convocatoria de exames libres para a obtención do CODIX

A  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten previsto abrir o VENRES 24 de SETEMBRO o prazo de inscrición nas probas de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recollerá na convocatoria que ten previsto saír publicada o próximo xoves 23 de setembro no Diario Oficial de Galicia con 786 prazas en 44 localidades de Galicia e que terán lugar os días 3, 4 e 5 de novembro.

Para acceder a estas probas os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT.

O prazo de inscrición será de sete días naturais contados a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o venres 24 de setembro ata o xoves 30 de setembro inclusive. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas con dereito a matriculación na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas.

As persoas admitidas  provisionalmente recibirán un correo electrónico coas instrucións para a súa matrícula e deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aquelas persoas aspirantes que non aboen a citada taxa ou non xustifiquen a exención da mesma (demandantes de emprego antes da publicación da convocatoria ou persoas con discapacidade >=33%)

A preinscrición nestas probas e demais trámites relacionados coas mesmas se realizarán exclusivamente a través de internet, por medio dun enlace que figurará nesta páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal)

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos  do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na  Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia  e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo