Tempos para compartir e os cursos da Rede CeMIT, protagonistas do programa "Cos pés na terra"

Un equipo do espazo da TVG "Cos pés na terra" está en San Sadurniño para realizar unha reportaxe sobre dous dos programas máis exitosos postos en marcha polo Concello: Tempos para compartir e os cursos de alfabetización dixital que se desenvolven tanto na aula da Rede CeMIT como nos locais sociais das parroquias. O programa emitirase proximamente na canle pública.

O local social de Naraío converteuse esta mañá de luns nun improvisado plató de televisión para a gravación dun dos capítulos da nova temporada de "Cos pés na terra", un programa que tenta reflectir entre outros aspectos- as posibilidades e a calidade que ofrece o rural como medio de vida.

O fío condutor neste caso é o traballo que fai Carme Suárez, axente TIC do Concello. Ela mostrará como é un día na súa vida laboral, centrada en mostrarlles -sobre todo aos menos novos- de que vai isto dos ordenadores, a internet ou as redes sociais. O seu traballo non para na ensinanza de conceptos básicos, senón que procura dinamizar os grupos para que despois continúen aprendendo máis pola súa conta e sacándolles proveito ás tecnoloxías da información e do coñecemento.

Parte deste obxectivo conséguese con plataformas como Falamedesansadurnino.org, na que son os propios veciños e veciñas quen reconstrúen a historia e as vivencias do territorio por medio de imaxes, documentos e sons. O programa "Cos pés na terra" farase eco do proxecto no que, ademais, tamén se integrará a partir deste outono a iniciativa Tempos para compartir, a travésa xente de San Sadurniño comparte saberes e habilidades dunha forma desinteresada.

Verónica Rodríguez -coordinadora de Tempos...- e Carme Suárez levan tempo traballando para abrir un apartado na web de Falame... no que se vaia recollendo a inxente cantidade de coñecementos que saen de cada obradoiro. Receitas, sons e mesmo videos empezarán a estar dispoñibles nas próximas semanas.

Próximo Tempos para compartir
Tempos para compartir retoma a súa actividade despois da paréntese do verán. O próximo obradoiro celebrarase na casa da Cultura o sábado 5 de outubro a partir das 17 h. e nel Ana Lamas e Abel Vega mostrarán como facer cestos con papel. Hai só 12 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición remata este xoves, 26 de setembro. Para apuntarse hai que chamar ao 981 490 027. Nese mesmo teléfono tamén podemos inscribirnos como docentes voluntarios para próximos obradoiros. Habitualmente Tempos para compartir desenvólvese nos locais sociais -un distinto cada vez- todos os primeiros sábados de mes.

Oferta de cursos da Rede CeMIT para outubro
De igual maneira, ao longo do mes de outubro, a aula da Rede CeMIT ofrece unha completa formación relacionada coas TIC. Así, na casa da Cultura haberá os seguintes cursos:

- “Iniciación á Informática”, cunha duración de 10 horas, que se celebrará os días 2, 4, 7, 9, 11 de outubro en horario de 10:00 a 12:00. O curso está pensado para que os e as asistentes aprendan o uso básico dun ordenador, o manexo do rato e o teclado, a edición básica dun texto e a organización e almacenamento dos datos.

-“Iniciación á Internet”, cunha duración de 12 horas, impartirase os días 14, 16, 18, 21, 23, 25 de outubro en horario de 10:00 a 12:00. Este curso pretende que as persoas participantes aprendan os aspectos básicos de Internet, o navegador, os recursos e servizos que poden atopar na rede, e a que vaian meténdose na procura de información e nos novos xeitos de comunicarse.

Por outra banda, o Concello promove a descentralización da actividade da aula CeMIT levando ás parroquias actividades como "Primeiros pasos na informática e internet", orientado principalmente a persoas maiores ou que nunca visen un ordenador.

O primeiro curso estase dando en Naraío -a media de idade das persoas asistentes anda nos 60 anos- e o seguinte será no local social de Santa Mariña do Monte durante as tardes dos martes e xoves de todo o mes de outubro -días 1, 3, 8, 10, 15, 17, 22, 24, 29, 31- en dous grupos: un de 16.00 a 17.30h e outro desde as 18 até as 19.30h.

Con este curso facilitaranse os coñecementos básicos sobre o manexo dun ordenador, a navegación por Internet, a busca de información e incluso sobre como crear e xestionar unha conta de correo electrónico. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades hai que chamar á axente tic ao 616 016 793, pasar pola casa da Cultura en horario de mañá ou enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es.

Valoración 
Aínda sen votos
VOLVER
ImprimirEnviar
07 Outubro 2013
Acceso usuarias/os

Boletin Electrónico

banner codix

Faite Dixital

Próximas videoconferencias
Actualmente non existen próximas videoconferencias programadas
Séguenos!
facebook twitter Flickr delicious issuu netvibes
Faite dixital
videoteca
  • Logo Faite Dixit@l!
  • Xente dixital
  • Espazo multimedia de aprendizaxe
  • Agora máis que nunca - Cruz vermella
  • Ligazón ao Centro Demostrador TIC de Galiza
  • Voluntariado Dixital
  • Rexistro de Demandantes
  • Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
  • TIC TAC adapta
  • Oficina Técnica de Banda Larga

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a | RSS