254 persoas participaron no 2013 nos cursos da Rede CeMIT de San Sadurniño

A aula CeMIT do Concello de San Sadurniño marcou un novo récord de usuarios en 2013. En total foron 254 as persoas que participaron nas 45 actividades e cursos organizados por este servizo municipal no que colabora a Xunta de Galicia. O balance anual da aula indica que máis da metade dos usuarios non tiñan coñecementos previos de informática e, sobre todo, que son as mulleres as que mostran máis interese polas TIC.
 

De feito, entre xaneiro e decembro do ano que acaba de rematar rexistráronse 117 altas novas na rede e, de todas elas, case un 69 por cento foron mulleres. Por grupos de idade as estatísticas indican que se produciron máis altas entre os usuarios e usuarias de entre 41 e 65 anos, aínda que tamén houbo varios casos nos que os participantes pasaban ben dos 80.

A Aula CeMIT ten como misión principal asesorar e facilitar formación para reducir a fenda dixital na sociedade que, se cadra, é máis acusada en ámbitos rurais coma o galego onde a incorporación á sociedade da información e o coñecemento leva máis retraso que no resto do Estado. A programación anual do servizo ocupouse maiormente de actividades de iniciación á informática. Dos 45 cursos impartidos -327 horas ao longo do ano-, 28 foron de formación dixital básica. Porén, a aula tamén ofreceu formación para mellorar a capacitación de persoas desempregadas -3 cursos-, 8 cursos de administración electrónica e redes sociais, e outros 6 de capacitación especializada e ferramentas multimedia. Ademais, por primeira vez, estes cursos saíron da Casa da Cultura para trasladarse ás distintas parroquias do municipio, onde a alfabetizadora dixital desenvolveu -e aínda desenvolve- actividades de iniciación á informática.

Paralelamente, desde a Rede CeMIT tamén se levaron a cabo outras iniciativas en colaboración co colexio ou cos servizos de conciliación postos en marcha polo Concello nos periodos de vacacións. Así o alumnado do CPI protagonizou no mes de marzo o proxecto audiovisual "A escola dos meus avós" no que os rapaces e rapazas produciron un video de entrevistas cos usuarios do Centro de Día. Na mesma liña a rede traballou cos cativos da "Aldea de verán" como parte do seu proxecto máis ambicioso e tamén máis relevante: Fálame de San Sadurniño.

A web deste proxecto colaborativo susténtase principalmente coas achegas de persoas que participaron -e participan- nos cursos da aula. Primeiro aprenden a navegar por internet, despois a escanear imaxes e gravar son e, por último, preparan fotos, documentos e outro material cunha descrición sonora e a súa correspondente situación en Google Maps. Un exercicio co que descobren as posibilidades da tecnoloxía mentres contribúen a crear un arquivo dixital compartido, aberto ás achegas e á consulta de calquera veciño ou veciña de San Sadurniño. Xa son máis dun cento de colaboracións e arredor de 250 documentos publicados, sobre todo fotografías e testemuños orais.

O proxecto foi un éxito desde o seu nacemento no mes de xullo. Neste tempo obtivo 5.300 visitantes únicos que, ademais, miraron con detemento o seu contido: cada un deles parou na web unha media de 5 minutos e entre todos elevaron a 105.000 o número de páxinas vistas.

Valoración 
Aínda sen votos
VOLVER
ImprimirEnviar
24 Xaneiro 2014
Acceso usuarias/os

Boletin Electrónico

banner codix

Faite Dixital

Próximas videoconferencias
06 Novembro 2017
RESOLUCIÓN DE CONFLITOS en materia de consumo
Séguenos!
facebook twitter Flickr delicious issuu netvibes
Faite dixital
videoteca
  • Logo Faite Dixit@l!
  • Xente dixital
  • Espazo multimedia de aprendizaxe
  • Agora máis que nunca - Cruz vermella
  • Ligazón ao Centro Demostrador TIC de Galiza
  • Voluntariado Dixital
  • Rexistro de Demandantes
  • Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
  • TIC TAC adapta
  • Oficina Técnica de Banda Larga

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a | RSS