Agasol e a Amtega percorrerán case unha vintena de concellos galegos para incentivar as vocacións STEAM entre a rapazada

Cartel da iniciativa.
20Xul

Agasol e a Amtega percorrerán case unha vintena de concellos galegos para incentivar as vocacións STEAM entre a rapazada

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolverá, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o programa Girl STEAM, que procura motivar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre a rapazada guiado por unha rede de profesionais de recoñecido prestixio.

As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros formativos prácticos presenciais en 18 concellos galegos. En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. O programa iníciase o 19 de xullo en Guitiriz.

aforo máximo por quenda será de 10 persoas e terán lugar, sempre que sexa posible, nas aulas CeMIT da Xunta. Os lugares e as datas de celebración dos obradoiros de Girl STEAM están dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza. Agasol tamén difundirá información sobre as xornadas desde a súa web e redes sociais.

En que consiste o programa

Nestes obradoiros tomarase contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, creando circuítos en papel, programando os seus propios videoxogos con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou creando cómics interactivos coa makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch) e outros inventos. Os obradoiros adaptaranse ao público e ás características técnicas de cada aula.

Desta forma, as nenas e nenos participantes poderán facer funcionar un circuíto eléctrico cun só LED e que este brille nun papel. Ademais, terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran ou uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Empoderar á rapazas nos eidos STEAM

De xeito transversal, Agasol e a Amtega buscan motivar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC. Este ano, como novidade, engádese o A de artes, xa que se considera que a creatividade e as artes forman parte do desenvolvemento social e económico actual.

Ademais, no desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como:

  • A igualdade.
  • O sentido crítico ante a tecnoloxía.
  • O uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo.
  • A colaboración e o traballo en equipo.

En 2020, realizáronse e divulgáronse seis conversas gravadas con mulleres referentes a nivel internacional nos eidos científicos e tecnolóxicos, que achegaron a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.