Narón achega en setembro novas accións de capacitación TIC na Aula CeMIT de Xuvia

Aula CeMIT de Narón.
22Ago

Narón achega en setembro novas accións de capacitación TIC na Aula CeMIT de Xuvia

A Aula CeMIT de Xuvia (Narón) acollerá a partir da vindeira semana dúas novas accións formativas para as que se abrirá o prazo de inscrición o luns día 22 de agosto. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que se trata dos cursos de Competencias dixitais en ofimática e Contabilidade e Recursos Humanos. As inscricións para as ditas accións formativas realizaranse, unha vez aberto o prazo, a través da Plataforma CeMIT da Xunta de Galicia.

A acción formativa de Competencias dixitais en ofimática consta dun total de 240 horas, que se impartirán do 5 de setembro ao 30 de novembro, con 60 días lectivos, en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Ofértanse un total de 12 prazas e entre o contido a abordar están temas como os sistemas operativos, Internet, intranet e correo electrónico, aplicacións informáticas de procesamento de texto, base de datos, para presentacións e de folla de cálculo.

Pola súa banda, o curso de Contabilidade e RRHH consta tamén de doce prazas e terá unha duración total de 168 horas, que se impartirán dende o 29 de setembro, ata o 30 de novembro, con 42 días lectivos, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O contido do curso no apartado de xestión de recursos humanos tratará sobre definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, Seguridade Social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH. O contido do apartado de Contabilidade tratará sobre documentos administrativos de compravenda, facturación, sistemas de información contábel ou aplicacións informáticas de contabilidade e facturación.