A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre este xoves 15 de xuño o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada o mércores 14 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de novembro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoas usuarias da rede CeMIT. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición, que se realizará por internet a través dunha nova publicada na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal) será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o xoves 15 de xuño ata o mércores 21 de xuño incluído.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Pode inscribirse directamente no seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/21338, ou a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), baixo o apartado "Actividades Destacadas"
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información |
Suxestións e queixas |
Aviso Legal |
Atendémolo/a |
RSS