Momento da actividade.

Brión pecha fileiras arredor de Toponimízate e a conservación dos nomes de lugar

Valoración 
Aínda sen votos
VOLVER
ImprimirEnviar
Brión | 31 Outubro 2018

Cómpre coidar os nosos nomes de lugar e deixalos para as vindeiras xeracións, e nada mellor que o uso das novas tecnoloxías para conseguilo. Este é o alicerce do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que vén de comezar a súa segunda edición e que se atopa mergullado nunha xira de divulgación pola nosa xeografía, facendo fincapé na importancia de preservar unha das grandes riquezas da noso cultura, os topónimos, e mostrando como facelo sen necesidade de contar con nada máis que cun teléfono móbil. A iniciativa, impulsada pola Real Academia Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de recalar en Brión.

Alí, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, convidou á cidadanía a facer comunidade a prol dos nomes de lugar. Neste caso concreto, poñendo o foco no que mellor coñecen as veciñas e os veciños deste concello coruñés: o xeito de chamarlle a cada aldea, casal, leira, fraga, castro, outeiro, corredoira, chousa ou braña da súa contorna. A cita, que se desenvolveu na aula CeMIT local, contou tamén coa presenza de Vicente Feijoo, experto en toponimia da RAG. Freixanes explicou que “é moi bonito ver un país tan humanizado coma o noso onde cada recuncho, cada camiño, cada regato e cada corredoira teñen nome. Porque aquí, todo ten nome e iso supón unha memoria histórica moi importante”. Así mesmo, fixo un chamamento á veciñanza de Brión para a conservación da microtoponimia do municipio pois “ademais da utilidade obxectiva de ter perfectamente localizados os lugares, sobre todo hai que conseguir que a xente sexa consciente do seu patrimonio, do tesouro que é a súa lingua e o seu territorio”. 

Pola súa banda, Vicente Feijoo explicou que a microtoponimia é “unha riqueza que se está a perder” cando “non hai rexión en Europa con tantos microtopónimos como Galicia, que está toda escrita, onde cada leira ten o seu nome e nos conta algo da historia dese lugar”. Neste sentido, indicou que en Galicia hai unha media de 45/50 topónimos por Km2, o que supón entre 1,5 e 2 millóns de topónimos. “En Brión hai nomes moi antigos, moitos da época romana e prerromana”, indicou, engadindo que un dos principais riscos para este patrimonio é a progresiva e imparable desaparición da xente maior, que son os que teñen o coñecemento do nome de cada lugar pero que, por razóns culturais, demográficas e económicas, non poden legar este tesouro ás xeracións que veñen despois. 

Ao fío disto, Feijoo presentou a ferramenta informática que pon en xogo Toponimízate, que estará a disposición da veciñanza o vindeiro mes de xaneiro, e que permitirá que “a xente poida enviarnos unha imaxe do lugar e o microtopónimo que coñece e que, se o consideramos correcto e o validamos, poderá ver como se incorpora ao arquivo”. Feijoo tamén explicou que o nome do concello, “Brión”, non provén do substantivo homónimo (carriza ou musgo que nace na cortiza das árbores), senón que a súa orixe está na cultura celta, polo que posiblemente “faría referencia ao Castro de Brión, na parroquia de San Fins”.

Fonte: Código Cero
Acceso usuarias/os

Boletin Electrónico

banner codix

Faite Dixital

Próximas videoconferencias
03 Decembro 2018
Telefonía móbil: contratación, facturación e reclamacións
Séguenos!
facebook twitter Flickr delicious issuu netvibes
Faite dixital
videoteca
  • Logo Faite Dixit@l!
  • Xente dixital
  • Espazo multimedia de aprendizaxe
  • Agora máis que nunca - Cruz vermella
  • Ligazón ao Centro Demostrador TIC de Galiza
  • Voluntariado Dixital
  • Rexistro de Demandantes
  • Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
  • TIC TAC adapta

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a | RSS