A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) organiza o vindeiro 28 de novembro unha xornada informativa sobre a adaptación das antenas de recepción da televisión que será preciso levar a cabo como consecuencia do denominado “Segundo Dividendo Dixital". A sesión, de carácter informativo e de asesoramento, terá lugar no Centro Demostrador TIC de Santiago con conexión directa con diversas aulas CeMIT do noso territorio e está dirixida á cidadanía en xeral, asociacións, administradores de fincas, antenistas, instaladores de telecomunicacións e tamén aos concellos e deputacións.
Sumaranse á xornada, dando conta dela, as aulas de Abegondo, Celanova, Santa Comba e Valga.
Esta actividade lévase a cabo no marco do Plan de Comunicación e Divulgación sobre a liberalización do Segundo Dividendo Dixital que está a desenvolver a AETG. O proceso, segundo informa a asociación, supón “un cambio significativo para a sociedade na área do desenvolvemento das telecomunicacións, con melloras nas redes e capacidade das mesmas, e que implicarán modificacións dos sistemas de cobertura da televisión dixital, de aí a necesidade das adaptacións dos equipos técnicos”. A sesión desenvolverase entre as 12.00 e as 13.30 horas na aula CeMIT mediante videoconferencia impartida dende o Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela.
A través desta sesión, a AETG ofrecerá asesoramento individualizado en relación coa liberación do segundo dividendo dixital e as súas implicacións, ademais de informar sobre as liñas de subvención existentes para a adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía |
Accesibilidade |
Aviso Legal |
RSS