Rede CeMIT |
26 Maio 2020
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en aliñamento coas indicacións da Xunta de Galicia e o goberno central achega a título meramente orientativo unha serie de recomendacións de prevención nas aulas CeMIT.
Estas medidas totalmente orientativas, están dirixidas a dotar da máxima protección posible ás aulas da Rede e aos seus usuarios/as. Así mesmo, cada centro poderá establecer instrucións específicas adaptadas ás súas peculiaridades, tendo en conta as circunstancias concretas que lles permitan seguir ofrecendo o servizo de atención ao seu alumnado e a súa formación de forma segura, eficiente e sen riscos.
En todo caso, recoméndase continuar impulsando a teleformación na medida do posible e, en canto á formación presencial, aconséllase acadar en todo momento as limitacións de aforo establecidas polas autoridades competentes e as medidas de seguridade requiridas.
Para facilitar a comunicación e a difusión destas recomendacións, ponse a disposición das aulas a cartelería coas
“Medidas de seguridade e hixiene da aula” e as
“Normas de uso da aula”, propostas no marco da Rede CeMIT, que poderán ser adaptadas coa información concreta de cada centro segundo a fase de apertura na que se atopen durante este proceso de desescalada.
Adicionalmente facilítase unha
Guía para os axentes TIC, cunha proposta de medidas preventivas e de hixiene para aplicar nas aulas CeMIT así como unhas recomendacións para a xestión das actividades presenciais na Rede CeMIT.
Finalmente, recoméndase a realización dun seguimento e avaliación do cumprimento das medidas adoptadas por parte de cada centro para garantir a seguridade así como a revisión continua da modificación ou actualización de medidas establecidas polas autoridades sanitarias e de goberno durante o período de transición ata acadar a nova normalidade.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Fonte:
CeMIT