Cartel da iniciativa.

A aula CeMIT de Ames seguirá con obradoiros telemáticos en novembro e decembro

Valoración 
Aínda sen votos
VOLVER
ImprimirEnviar
Ames | 17 Novembro 2020

Será o vindeiro luns 23 de novembro cando dean comezo os novos cursos da aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames, que se estenderán até o 30 de decembro. A finalidade destas aulas é achegar aos veciños e veciñas os diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, amais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Cómpre subliñar que por mor da COVID-19, os cursos programados para os meses de outubro e novembro realizaranse de xeito telemático (en directo a través de YouTube). Así, só será preciso un dispositivo conectado á rede capaz de reproducir os vídeos de YouTube, recoméndase un computador, mais pode empregarse unha tableta ou móbil (agás nos casos nos que se indique o contrario). Unhas horas antes do comezo de cada curso, as persoas inscritas recibirán por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión. Indo á programación, o luns 23 dará comezo o curso Crea o teu Cv, até o xoves 26 de novembro, de 17.30 a 18.30 horas. Neste obradoiro ensinarase a realizar un currículo orientado á busca de emprego (autoánalise, carta de presentación e titoría co profesor).

O luns 30 de novembro e o martes 1 de decembro, impartirase o curso Busca de emprego a través de Internet, no mesmo horario. Trátase dunhas clases de introdución á busca de emprego na rede (consellos para a busca, recursos para atopar ofertas, portais de emprego, boletíns e uso de redes sociais).

O mércores 2 e o xoves 3 de decembro, de 17.30 a 19.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Compras seguras a través de Internet, onde se amosará como facer compras seguras na rede de cara ao Nadal.

E para pechar o curso 2020, a aula CeMIT ofertará dende o mércores 9 ao xoves 17 de decembro, de 17.30 a 18.30 horas o curso Correo electrónico, encamiñado a adultos. Nestas sesións aprenderase a ler e escribir correos electrónicos (no ordenador e no móbil), organizalos con filtros automatizados en diferentes etiquetas/cartafois, funcións novas (programación de envío en Gmail, ou pospoñer a lectura de correos recibidos), así como todas as opcións de configuración.

No caso dos máis miúdos da casa, terán lugar dous cursos de Scratch (introdución e nivel medio), ambos de dous días. O Scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, encamiñada á robótica educativa. Estes obradoiros de Nadal pódense seguir dende a casa ben sexa en solitario ou coa compañía da familia para aprender xuntos. Engadir que o obradoiro de introdución está indicado para nenos e nenas de 7 ou máis anos. Nel aprenderanse as bases da interface de Scratch e farase un proxecto sinxelo, ideal para introducirse no mundo da programación. Dará comezo o martes 22 e rematará o mércores 23 de decembro, cun horario de 10.30 a 12 horas. En canto ao curso de nivel medio de Scratch, realizarase o martes 29 e o mércores 30 de decembro, de 10.30 a 12 horas. Neste obradoiro practicarase con proxectos algo máis avanzados, ideais para rapaces e rapazas de 10 ou máis anos. 

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou a través do teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

Fonte: Código Cero
Acceso usuarias/os

Boletin Electrónico

banner codix

Faite Dixital

Próximas videoconferencias
Actualmente non existen próximas videoconferencias programadas
Séguenos!
facebook twitter Flickr delicious issuu netvibes
Faite dixital
videoteca
  • Espazo multimedia de aprendizaxe
  • Logo Faite Dixit@l!
  • Voluntariado Dixital
  • Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
  • Ligazón ao Centro Demostrador TIC de Galiza
  • Xente dixital
  • Agora máis que nunca - Cruz vermella

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | RSS