Nova convocatoria de probas de certificación ComDix-Intermedio

COMDIX
12Mar

Nova convocatoria de probas de certificación ComDix-Intermedio

A AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA NOVAS PROBAS PARA OBTER A CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS, NO SEU NIVEL INTERMEDIO

  • As inscricións poden realizarse desde o luns, 16 de marzo, ata o mércores, 25 de marzo, a través da Rede CeMIT
  • As probas, de carácter libre, realizaranse os días 28, 29 e 30 de abril de forma presencial nas aulas CeMIT de 49 concellos de toda Galicia
  • Esta certificación acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre o vindeiro luns, 16 de marzo, unha nova convocatoria de probas presenciais de carácter libre para obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix) de nivel intermedio. As inscricións poderán realizarse ata o 25 de marzo a través da Rede CeMIT.

Esta convocatoria, que ofrece preto de 1.400 prazas, está aberta a toda a cidadanía interesada en acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. As probas realizaranse os días 28, 29 e 30 de abril en horarios de mañá e tarde.  

Toda a información específica desta convocatoria pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario das probas presenciais nas aulas CeMIT de 49 concellos de Galicia, e dende onde se poderán realizar todos os trámites relacionados con esta convocatoria, dende a inscrición ata a consulta de persoas admitidas.

Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nas listaxes de espera. 

Contidos online e avaliación
Os contidos formativos para preparar estas probas de carácter libre están dispoñibles na plataforma de teleformación da Rede CeMIT (https://formacion-cemit.xunta.gal). Para obter o certificado ComDix é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego de Competencias Dixitais.

Novas convocatorias para o ano 2026
Esta convocatoria é unha das tres publicadas no Diario Oficial de Galicia do pasado 16 de xaneiro, nos niveis de iniciación e intermedio, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2026.

Así, estas probas de nivel intermedio seguirán outras de certificación ComDix no nivel Iniciación a finais do mes de xuño. Durante o segundo semestre deste ano 2026 seguiranse convocando de forma periódica estas probas no Diario Oficial de Galicia, tanto nos niveis de Iniciación como Intermedio. 

 

Páxina da convocatoria ComDix Intermedio