A aula CeMIT de Ames móstranos como viaxar con Google Maps ou buscar emprego pola Rede

Cartel da iniciativa.
29Xuñ

A aula CeMIT de Ames móstranos como viaxar con Google Maps ou buscar emprego pola Rede

Aula CeMIT Ames

aula CeMIT do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para os meses de xuño e xullo, tanto para nenos e nenas como para adultos/as. Farao con horario novo no mes de xullo: estará aberta de 8.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información e usar os ordenadores. Haberá actividades formativas sobre viaxes con Google Maps, como crear un currículo ou como buscar emprego por Internet.

O primeiro curso que se vai impartir está dirixido a un público adulto. Os días 28, 29 e 30 de xuño, de 17.30 a 18.30 horas, levaranse a cabo as sesións de Google Maps: planifica as túas viaxes en verán!. Trátase dun curso no que se aprenderá a sacarlle partido a unha das aplicacións máis útiles do móbil, mostrando como planificar rutas e obter toda clase de información sobre os sitios que queremos visitar. Ademais da versión móbil, tamén se verá como funciona a versión web.

O xoves día 1, o martes 6 e o xoves 8 de xuño, de 17.00 a 18.30, impartirase o curso Crea o teu CV!. Nestas clases, o alumnado aprenderá a realizar un bo currículo orientado á satisfacer as necesidades na busca de emprego, a crear un autoanálise para decidir que poñer no CV e a escribir unha carta de presentación. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido coa titoría do profesor.

Tamén relacionada coa inserción laboral, a Aula CeMIT organizou o taller Busca de emprego a través de Internet. Desenvolverase o martes 13 e xoves 15 de xullo, de 17.00 a 18.30 horas. Trátase dun curso de introdución á busca de emprego na Rede no que se recibirá unha serie de consellos e trucos para a procura dun posto de traballo, así como unha chea de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns, uso de redes sociais...

Cursos infantís

No mes de xullo haberá dous obradoiros online dirixidos a nenos e nenas. O primeiro en impartirse será o de mecanografía, o xoves 1 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas. Ensinarase esta ferramenta fundamental para que os estudantes poidan desenvolverse no mundo da informática, achegando, a través de Youtube, as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing para que os rapaces e rapazas poidan practicar mecanografía dende a casa durante o verán.

Os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, a rapazada poderá asistir ao curso de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que logo se adentren na robótica educativa. Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso que esteamos inscritos na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.