A aula CeMIT de Ames retoma a formación presencial con dous cursos de iniciación TIC

Cartel da iniciativa.
8Nov

A aula CeMIT de Ames retoma a formación presencial con dous cursos de iniciación TIC

Desde a aula CeMIT do Concello de Ames informan de que a actividade divulgativa e formativa deste espazo de alfabetización e dinamización dixital volve polo camiño da presencialidade logo de meses de accións exclusivamente en liña (dende o inicio da pandemia). Faino con dous cursos de iniciación ás novas tecnoloxías para adultos nos meses de novembro e decembro. A actividade volve tamén á aula aberta, que estará dispoñible de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas.

Respecto dos dous cursos en cuestión, trátase de Iniciación á informática, do 9 ao 25 de novembro, e Iniciación a Internet, do 30 de novembro ao 16 de decembro. Os dous itinerarios terán lugar os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, no espazo situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, con hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria e spray hixienizante para os equipos, e coas prazas limitadas a 8 persoas por curso.

Como dixemos, tamén retorna o acceso á aula aberta, de luns a venres e de 9:30 a 13:00, coas mesmas medidas de seguridade e aforo que os cursos en modalidade presencial, co fin de consultar dúbidas e usar de maneira libre os equipos informáticos.

Continúa a oferta de formación telemática en novembro

En horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas, o persoal da aula CeMIT continuará ofrecendo cursos en modalidade a distancia, co gallo de “proseguir coas propostas realizadas nos últimos meses por mor da pandemia do coronavirus”. Empregando a canle de YouTube do centro, a veciñanza terá que asistir ás sesións formativas a través de diferentes vídeos en directo, a través dos seus computadores, móbiles ou tabletas. Os tres cursos son Traballando na nube, do 8 ao 18 de novembro; O correo electrónico: web e móbil, do luns 22 ao 26 de novembro, e Compras seguras a través de Internet, o 29 e o 30 de novembro. Cada luns pola mañá, antes do comezo de cada curso, a aula CeMIT enviará correos electrónicos coa información necesaria para acceder a estas sesións formativas, así como un breve titorial para descargar e instalar o software de ofimática LibreOffice.