A aula CeMIT de Ames volve á presencialidade con cinco cursos TIC

Cartel da iniciativa.
28Feb

A aula CeMIT de Ames volve á presencialidade con cinco cursos TIC

aula CeMIT do Concello de Ames celebra esta tempada os seus cinco primeiros cursos presenciais de 2022. A formación na aula comezará en Entroido e continuará ata finais de abril, con catro propostas para menores de idade e outra máis para adultos. Ademais, continúan os cursos en liña, cun ciclo de ofimática na suite LibreOffice, e o acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00, e os martes e xoves, tamén das 16:30 ás 19:00 horas.

Para anotarse nos cursos, limitados a 9 prazas, cómpre reservar praza chamando ao 682 373 753, ou ben enviar un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Interrupción en xaneiro

Volven os cursos presenciais á aula CeMIT de Ames neste 2022, despois dunha interrupción en xaneiro no que se aproveitou para realizar reformas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dende aquela xa retomou a súa actividade habitual, con accesos á aula aberta de luns a venres de 9:30 a 13:00, e tamén pola tarde os martes e xoves, das 16:30 ás 19:00 horas. Tanto os cursos como o uso da aula aberta van acompañados dunha serie de requisitos: hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria, spray hixienizante e distancia de seguridade, cos aforamentos limitados a 9 persoas, tanto nos cursos como neste acceso libre. O primeiro dos catro cursos ofertados para menores será Scratch en Entroido, que será o luns 28 de febreiro e o martes e mércores 1 e 2 de marzo, de 10:30 a 12:00 horas. Dirixido a maiores de 8 anos, os nenos e nenas aprenderán as bases desta ferramenta de programación.

 Por outra banda, os martes dende o 8 de marzo ata o 26 de abril haberá un curso de iniciación á informática para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que terá lugar polas tardes, de 17:15 a 18:45. Ademais, todos os xoves dende o 10 de marzo ata o 28 de abril celebraranse dous cursos de mecanografía: un para menores de 10 anos, de 17:00 a 18:00, e outro para maiores de 10 anos, de 18:00 a 19:00 horas.

Por último, a proposta para o alumnado adulto consistirá en sacarlle o máximo partido aos nosos teléfonos móbiles, centrándose especialmente no sistema operativo Android. O curso celebrarase os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, e dende o 15 de marzo ata o 28 de abril.

A ofimática, protagonista da formación telemática

Dende o 7 de marzo ata o 6 de maio, todos os luns, mércores e venres, de 17:00 a 19:00 horas, a aula CeMIT desenvolverá cinco cursos a distancia relacionadas co uso da suite ofimática LibreOffice, co fin de que o alumnado poida usar con facilidade procesadores de texto, follas de cálculo ou creadores de presentacións. Comezarase coa alternativa ao Word, o LibreOffice Writer, do que haberá un curso introdutorio do 7 a o 18 de marzo, e outra proposta de nivel medio, do 21 de marzo ao 1 de abril. A formación continuará co Calc, a versión libre do Excel, cunha introdución do 4 ao 13 de abril e unha segunda parte máis avanzada do 20 ao 29 de abril. Por último, do 2 ao 6 de maio avanzarase co programa Impress, o equivalente a PowerPoint da suite LibreOffice, no que se ensinará a parte técnica para crear diapositivas e presentacións atractivas.