A aula CeMIT de Poio recupera o pulso presencial con cursos sobre TIC, trámites online e creación de webs

Alumno na aula CeMIT de Poio.
2Xul

A aula CeMIT de Poio recupera o pulso presencial con cursos sobre TIC, trámites online e creación de webs

Aula CeMIT Poio

As aulas CeMIT dos nosos concellos recuperan o pulso logo das restricións da pasada tempada, que obrigaron a trasladar as actividades ao ámbito virtual. É o caso da aula de Poio, situada na antiga Escola do Campo de Combarro, cuxas instalacións estiveron pechadas durante o primeiro trimestre (aínda que ofrecéndose titorías e formacións vía online) pero que agora recolle o fío das clases in situ, e faino cun programa que inclúe cursos de iniciación ás novas tecnoloxías e de trámites en liña (os máis demandados) aos que suman obradoiros sobre creación de páxinas web e blogs.

Con respecto á programación do mes de xullo, a aula presenta varias novidades. Unha das principais será o Curso de Talento Emprendedor, que terá lugar o día 12, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve, ao igual que en edicións anteriores, en colaboración coa Rede Araña. A formación servirá “para achegar asesoramento ás persoas inscritas sobre como desenvolver un plan de empresa e impulsar un negocio”. Ademais, a Concellería de Mocidade levará a cabo parte da súa programación de verán nas dependencias de Combarro, ofrecendo dous cursos para mozos e mozas, sobre xestión de trámites online e uso das redes sociais. 

A maiores, a aula CeMIT brindará varias das formacións que adoita a levar a cabo ao longo de todo o ano. A programación do mes de xullo abrirase o día 5, con clases de nivel medio sobre procesador de textos, que rematará o día 9. Entre o 19 e o 21 ofreceranse ferramentas de creación de documentos e o día 22 unha formación sobre a realización de compras de xeito seguro por Internet. Todos os obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.30 e as 12.00 (ou 12.30 nalgún caso). As clases realízanse seguindo todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias en cuestións como aforo, distanciamento e hixiene. 

Por último, os responsables da aula e do Concello lembran que tamén existe un horario de Aula Aberta, no cal os ordenadores están a disposición da cidadanía, se ben será preciso solicitar cita previa. O espazo tamén pode ser reservado previamente por asociacións e colectivos locais. O horario durante o mes de xullo será de 9.30 a 10.30 e de 12.00 a 14.00 horas.