A Axencia para a Modernización Tecnolóxica súmase á campaña europea “All Digital Weeks 2023” cun programa de actividades para mellorar as habilidades dixitais da cidadanía

All Digital Weeks.
17Abr

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica súmase á campaña europea “All Digital Weeks 2023” cun programa de actividades para mellorar as habilidades dixitais da cidadanía

  • A Rede CeMIT e o Centro GaiásTech acollerán desde o 18 de abril un ciclo formativo centrado na ciberseguridade e na capacitación dixital para a equidade, diversidade e inclusión

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia iniciará o día 18 de abril un ciclo de actividades para mellorar as habilidades dixitais desde unha orientación inclusiva así como o uso seguro de internet e que terán lugar nas aulas da Rede CeMIT e o Centro GaiásTech. Esta programación enmárcase na Campaña “All Digital Weeks 2023”, que se celebrará entre o 17 de abril e o 7 de maio en toda Europa baixo o lema “Mellora as túas habilidades dixitais”. 

O programa de actividades arrancará o día 18 de abril cunha sesión presencial “Novas pedagoxías para o ensino das TIC” destinada a axentes TIC da Rede CeMIT, que se complementará o 3 de maio coa celebración dunha sesión online “Aprender ciencia creando: introdución ao método STEAM”, co obxectivo de mellorar as metodoloxías de ensinanza das TIC e facilitar diversas temáticas de interese para a cidadanía.

Ademais, o 27 de abril, Día Internacional das rapazas nas TIC, a Axencia autonómica celebrará no GaiásTech da Cidade da Cultura unha xornada dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos. Para poder participar nesta xornada de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.

A xornada comezará ás 16:30 cunha actividade interactiva baixo o nome “Breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller nas TIC”. Posteriormente, continuará cunha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu” e rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en marcha un vehículo. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online dende o GaiásTech a través da seguinte ligazón.

A conmemoración das All Digital Weeks pecharase cunha charla sobre ciberseguridade “O teu día a día, con seguridade” o día 4 de maio de 16:00 a 17:30 no centro GaiásTech, no que se fará foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporá as medidas para poder previlos. Para poder asistir a esta charla de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.

A Campaña All Digital Weeks 2023

A Campaña All Digital Weeks é unha das principais iniciativas a nivel europeo de sensibilización sobre as habilidades dixitais para a inclusión, empoderamento e a mellora da empregabilidade. Está organizada pola All Digital Network e, dende os seus inicios en 2010, a campaña leva axudado a 1,5 millóns de persoas a conectarse por primeira vez ou a mellorar as súas habilidades dixitais. Este ano a campaña conta co apoio da Comisión Europea como apoio á promoción do Ano Europeo das Competencias. Nesta edición, a Rede CeMIT participa da man da asociación estatal Somos Digital, escollida nesta ocasión para ser a coordinadora da campaña a nivel nacional.