A cidadanía de Narón poderá formarse en capacitación en liña e en busca de emprego 2.0

Aula CeMIT.
18Nov

A cidadanía de Narón poderá formarse en capacitación en liña e en busca de emprego 2.0

O Concello de Narón informou de que a aula CeMIT local acollerá dous novos cursos a partir do vindeiro mes de decembro, un sobre Teletraballo, reunións en liña e capacitación online e outro de Busca de emprego 2.0. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que as persoas interesadas en inscribirse deben facelo a través da plataforma CeMIT.

A primeira das accións formativas, a que se centra no teletraballo, vén cun total de nove prazas e impartirase do 13 ao 21 de decembro, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. En total o curso consta de 28 horas, nas que se abordarán temas como a xestión do correo, tarefas e axenda dixital, reunións en liña, almacenamento na nube, mensaxería a tempo real e xestión de proxectos online con Trello.

Pola súa banda, o curso de Busca de emprego 2.0 tamén oferta nove prazas, do 1 ao 21 de decembro e neste caso en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Nas 52 horas de duración do mesmo abordaranse temas como a marca persoal na web 2.0, as redes sociais aplicadas á procura de emprego, redes sociais profesionais, currículo 2.0 para un recrutamento efectivo e portais 2.0 con vistas a atoparmos un posto de traballo.

As prazas ofertadas para estas accións formativas cubriranse por orde de inscrición, tal e como recordou a concelleira naronesa.