Convocatoria cursos titorizados en linea - ComDix nivel Iniciación

cursos titorizados en linea - ComDix nivel Iniciación
18Feb

Convocatoria cursos titorizados en linea - ComDix nivel Iniciación

 

 

A AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA CURSOS TITORIZADOS EN LIÑA PARA OBTER A CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS, NO SEU NIVEL INICIACIÓN

 

  • Convócanse 2 plans formativos para obter a certificación ComDix-Iniciación mediante un itinerario completo ou a través de cursos independentes
  • As inscricións para este primeiro semestre poden realizarse desde mañá xoves 19 de febreiro ata o 28 deste mes
  • A certificación ComDix acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional
  • Podes inscribirte neste link

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de convocar unha nova edición dos cursos titorizados en liña ComDix, no seu nivel Iniciación, que se impartirán durante o primeiro semestre de 2026 a través da Rede CeMIT. 

As accións formativas desenvolveranse en modalidade de teleformación titorizada, con aproveitamento activo e avaliación continua, e están dirixidas a persoas maiores de 16 anos que desexen mellorar as súas competencias dixitais ou iniciar o itinerario oficial para obter a certificación galega ComDix – Iniciación. 

A inscrición deberá realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT nun prazo de dez días naturais desde a publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A participación é totalmente gratuíta, xa que a matricula está exenta de taxas. 

Para poder participar, as persoas interesadas deberán dispoñer dun ordenador con conexión a internet, navegador actualizado e unha conta de correo electrónico activa, ademais de estar dadas de alta como usuarias da Rede CeMIT. No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, a selección realizarase mediante un sorteo público informatizado, garantindo así un proceso transparente e equitativo. 

 

DOUS PLANS FORMATIVOS: UN ITINERARIO COMPLETO e CURSOS INDEPENDENTES 

A convocatoria estrutúrase en dous plans formativos excluíntes, polo que cada persoa solicitante deberá escoller un único itinerario, sen posibilidade de inscribirse simultaneamente en ambos. Esta medida busca asegurar unha distribución equilibrada das prazas e facilitar que o alumnado poida seguir o ritmo formativo máis axeitado ás súas necesidades. 

Plan Formativo A: Curso completo para a obtención da certificación galega en Competencias Dixitais ComDix - Iniciación 

Dirixido a quen desexe realizar o programa íntegro de 250 horas que dá acceso directo á certificación oficial. Conta con 150 prazas e desenvolverase entre o 16 de marzo e o 29 de xuño de 2026. O alumnado avanzará polos sete bloques temáticos de forma consecutiva e, unha vez superados, recibirá o diploma de aproveitamento e a certificación ComDix – Iniciación emitida de oficio pola AMTEGA. 

Plan Formativo B: Cursos ComDix – Iniciación individuais 

Pensado para aquelas persoas que xa teñen realizado algún destes cursos e queren completar o itinerario completo de 250 horas, ou aquelas que queren formarse paso a paso adaptándose aos seus tempos e necesidades. Inclúe os sete bloques temáticos do itinerario, convocados como cursos autónomos con 60 prazas cada un, agás o curso inicial “Empezamos”, de matrícula libre. 

Pódese solicitar praza en varios destes cursos individuais e cada curso superado dará dereito ao seu diploma de aproveitamento correspondente, válido para a obtención da certificación unha vez completado todo o itinerario formativo. 

Con esta nova edición dos cursos ComDix – Iniciación, a Xunta de Galicia, a través da Amtega, continúa ampliando as oportunidades de formación dixital para a cidadanía, favorecendo a inclusión tecnolóxica e contribuíndo a que Galicia avance cara a unha sociedade máis preparada, conectada e segura no ámbito dixital.