“Días de” Datos Abertos
Abegondo acolle o obradoiro “CuriosidAPPdes” con motivo do Día dos Datos Abertos
Os días 3 e 4 de marzo, a aula CeMIT de Abegondo desenvolveu o obradoiro “CuriosidAPPdes – Iniciación á creación de aplicacións móbiles”, unha actividade organizada no marco da celebración do Día dos Datos Abertos para achegar á cidadanía ao valor da información pública reutilizable.
O obradoiro estruturouse en dúas sesións presenciais nas que as persoas participantes se iniciaron no concepto de datos abertos, comprendendo que son, que condicións deben cumprir (formatos reutilizables, licenzas abertas, accesibilidade) e por que resultan clave para a transparencia, a participación cidadá e a innovación.
Durante a primeira sesión, explicouse que o obxectivo final da actividade sería crear unha aplicación móbil sinxela empregando datos abertos como base do proxecto. Para iso, realizouse unha busca guiada no Portal de Datos Abertos da Xunta de Galicia, seleccionando información que posteriormente sería empregada na aplicación. Ademais, traballouse na descarga e uso de imaxes libres respectando as correspondentes licenzas, reforzando así o uso responsable dos recursos dixitais.
Na segunda sesión, o grupo deu o salto á práctica coa ferramenta MIT App Inventor, coñecendo a súa interface e desenvolvendo paso a paso unha aplicación móbil sinxela que integraba os datos seleccionados. As persoas participantes deseñaron a interface, programaron a lóxica básica da aplicación mediante bloques visuais e probaron o resultado final nos seus dispositivos.
A experiencia combinou alfabetización en datos, pensamento computacional e creación práctica dun proxecto dixital funcional, demostrando como a información pública pode transformarse nun recurso educativo, creativo e tecnolóxico ao alcance da cidadanía.
A través desta iniciativa, a Rede CeMIT continúa promovendo competencias dixitais que fomentan unha participación activa e consciente no ámbito dixital, reforzando o papel dos datos abertos como motor de coñecemento e innovación.
![]() | |
![]() |

