“Días de” As Mulleres
Ortigueira celebra o obradoiro “A Xeniña” polo Día das Mulleres
A aula CeMIT de Ortigueira acolleu o pasado 8 de marzo o obradoiro “A Xeniña. Deseña o teu xogo de ler mentes con Scratch”, unha actividade organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres que combina iniciación á programación por bloques e reflexión sobre igualdade.
A proposta formativa consistiu na creación dun xogo interactivo en Scratch baseado nunha árbore de decisións sobre mulleres referentes en diferentes ámbitos. Posteriormente, adaptouse esta programación ao contexto real da aula. Nesta versión, a dinámica non se centraba en personaxes históricos, senón en adiviñar de que neno ou nena asistente se estaba a falar.
O funcionamento era semellante ao dun “Quen é quen?”: o programa ía formulando preguntas con respostas pechadas (si/non) relacionadas con características previamente acordadas. En función das respostas, activábanse diferentes rutas dentro da programación ata chegar á persoa correcta.
Esta adaptación permitiu que o alumnado traballase as estruturas condicionais dun xeito práctico, visual e significativo, xa que partía dunha realidade próxima e motivadora. Ademais, favoreceu o razoamento lóxico, a formulación de preguntas relevantes e a comprensión do funcionamento dos algoritmos básicos.
Durante a sesión, os nenos e as nenas participantes achegáronse aos fundamentos da programación visual, coñecendo o funcionamento da contorna de Scratch, os bloques de control e as estruturas lóxicas básicas. Ao mesmo tempo, traballouse a importancia de visibilizar referentes femininos no ámbito científico, tecnolóxico e social, poñendo en valor as súas achegas ao longo da historia.
O obradoiro combinou aprendizaxe técnica e reflexión crítica, favorecendo o desenvolvemento do pensamento lóxico-computacional e a adquisición de competencias dixitais básicas nun entorno colaborativo e participativo.
Con iniciativas como esta, a Rede CeMIT continúa promovendo accións formativas gratuítas e accesibles para a cidadanía, achegando a tecnoloxía ao territorio e reforzando o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e a inclusión no ámbito dixital.
![]() | ![]() |
![]() | |


