Galicia renova a súa presenza na Xunta Directiva da Asociación estatal Somos Digital asumindo a Secretaría da organización

XIV Asamblea da Asociación Somos Digital.
2Abr

Galicia renova a súa presenza na Xunta Directiva da Asociación estatal Somos Digital asumindo a Secretaría da organización

  • A XIV Asemblea da entidade, celebrada onte en Madrid, renovou o seu equipo executivo, no que a Amtega reforza a súa colaboración
  • Na Asemblea, a Amtega presentou o Programa de actividades do Día de Internet, que este ano coordina Galicia para todas as redes de España

A XIV Asemblea da Asociación Somos Digital, celebrada esta semana en Madrid, renovou a súa Xunta Directiva, asumindo a Rede CeMIT da Amtega a Secretaría da organización. Deste xeito, a Rede CeMIT reforza a súa presenza nesta entidade que agrupa a 15 entidades de toda España que traballan co obxecto de acelerar e dar soporte á formación e certificación en competencias dixitais da cidadanía a través de Centros de Competencias Dixitais —en Galicia, a través das 91 aulas da Rede—, con especial atención ás zonas rurais e aos colectivos e persoas con maior risco de exclusión.

Con ocasión da asemblea, a Amtega presentou a extensa programación de actividades do #Día de Internet, que este ano coordina Galicia a través da Rede CeMIT, e que, ao longo dos vindeiros meses de abril e maio, encherá o calendario de eventos e seminarios online baixo a temática “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.

No encontro de Madrid aprobouse o novo Plan Estratéxico 2022-2025 da asociación, en cuxa redacción participou a Rede CeMIT e no que a entidade aborda cinco liñas estratéxicas que apostan por impulsar e ser un referente no desenvolvemento das competencias dixitais segundo o marco Europeo DigComp —en sintonía coas liñas de traballo que desenvolven a Amtega e a Rede CeMIT—, por incrementar a súa incidencia institucional e política, por aumentar a xestión profesionalizada da entidade e o intercambio de coñecemento e experiencias en rede, así como por fortalecer a comunicación tanto interna como externa e facer un especial esforzo no acompañamento e reforzamento da figura dos dinamizadores dixitais, esenciais na actividade de Somos dixital e, dentro dela, da Rede CeMIT de Galicia.

Os Centros de Competencias Dixitais, espazos para o desenvolvemento da Sociedade dixital

Somos digital considera que son varias as circunstancias que convidan a ser ambiciosos neste novo período: a madurez das diferentes redes de centros de competencias dixitais en canto á súa xestión, as actividades que realizan no territorio enmarcadas nun período de transformación dixital, o intercambio de experiencias, a identificación de boas prácticas, a vixilancia respecto a modificacións do modelo de competencias e os seus posibles sistemas de homologación.

O papel dos Centros de Competencias Dixitais reforzouse na nova economía dixital, tanto no medio rural como no urbano, e sobre todo con aquelas persoas que necesitan un apoio para a aprendizaxe e a motivación. A relación e a xeración de sinerxias e intercambios entre os socios, fundamentadas no impulso do traballo colaborativo, fortaleceu as relacións de confianza entre as entidades e permitiu a adhesión de novos socios. De feito, acaba de incorporarse á entidade a Red Conecta “Ciudadanía Comprometida” ao tempo que novas redes —é o caso de Cruz Roja e a Red Vuela Guadalinfo de Andalucía— se incorporaron ás vogalías da Xunta Directiva.

Renovou a presidencia a Red de Espacios CyL Digital de Castilla y León, e figuran, na Vicepresidencia, a Fundación Esplai (de ámbito nacional); a Fundación Dédalo (Navarra), na Tesourería e a Rede CeMIT de Amtega na Secretaría.

A Asociación Somos Digital está conformada por máis de 1.500 Centros de competencias Dixitais, espazos públicos de acceso libre que poñen en marcha proxectos e iniciativas que conectan e capacitan ás persoas a través das TIC. Galicia, a través da Rede CeMIT, forma parte deste colectivo dende 2009.