A Guarda ofrece cursos de verán sobre deseño dixital e sobre xestión segura de imaxes

Cartel da iniciativa.
30Xuñ

A Guarda ofrece cursos de verán sobre deseño dixital e sobre xestión segura de imaxes

Aula CeMIT A Guarda

A actividade formativo-tecnolóxica dos nosos concellos non decae neste inicio do verán, collendo impulso a enriquecedora confluencia entre dixitalización e vacacións. É o caso do programa estival da aula CeMIT da Guarda, que programa dúas novas actividades gratuítas en novas tecnoloxías para estas semanas: un curso de deseño dixital e outro sobre manter a salvo as imaxes. Os dous obradoiros son para maiores de idade.

O curso de Deseño dixital con Canva permitirá aos participantes coñecer esta ferramenta e os principios básicos do deseño para poder realizar carteis, imaxes para redes sociais ou postais, entre outras cousas.

Pola súa banda, o curso Non perdas as túas fotos! está dirixido sobre todo a aquelas persoas que se inician na informática e queren ter as súas fotos a salvo ou poder visualizalas en varios dispositivos.

Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar a súa inscrición na aula CeMIT da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal. Todos os cursos son de balde e con prazas e aforo limitado debido á pandemia.