Máis do 64 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas

Mans de muller usando un rato e un teclado.
3Dec

Máis do 64 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas

  • Nos dous últimos anos, Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado
  • Máis do 92 % dos galegos emprega internet e o 51 % realiza compras online
  • O 76,9 % dos galegos utilizan a banca por Internet, cinco puntos máis que o ano anterior
  • O 83,5 % dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses e por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto

O 64,1 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas, co que a Comunidade reduce a só dous puntos a súa posición respecto á media estatal. Nos dous últimos anos, Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado. Ademais, o 36 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais avanzadas, reducindo tamén a diferenza coa media estatal en dúas décimas.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dos datos publicados esta semana polo INE sobre os Fogares e as TIC, as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet.

Os datos do INE sinalan, tamén, que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis porcentaxe de nenos de 10 a 15 anos usan internet: o 97,6 % usaron internet nos últimos 3 meses, por riba da media estatal en case tres puntos porcentuais. Tamén supera a media estatal o uso do ordenador entre os nenos galegos de 10 a 15 anos cunha porcentaxe do 94,7 %, 1,6 puntos por riba do conxunto do Estado.

Galicia tamén ocupa un lugar destacado no uso da banca electrónica e das xestións online coa Administración; e mantén unha tendencia ascendente nos principais indicadores do uso das TIC, unha evolución á que ten contribuído de xeito importante o labor da Rede de Aulas CeMiT. Así, desde a súa posta en marcha en 2011, CeMIT leva programadas máis de 500.000 horas de formación e ten rexistrados máis de 113.000 usuarios. A Rede está, ademais, a evolucionar a súa formación adaptándoa ás novas necesidades da transformación dixital e renovando o seu equipamento.

Uso das TIC: compras, saúde, información, comunicación e banca dixital

Os datos do INE sinalan que o 92,2 % dos galegos de 16 a 74 anos usan internet, que o 51 % comprou online nos últimos tres meses e o 18,8 % vendeu por internet nese período, dato practicamente idéntico á media estatal (19,1 %). O 75 % dos galegos de 35 a 44 anos compran online, a 6 puntos de diferencia da media estatal.

Respecto ao tipo de compra, o 50,7 %, merca algún produto en formato físico; o 38,9 % fixo algunha subscrición online; o 27,8 % contratou servizos para o fogar, transporte ou aloxamento; e o 23,5 % contratou algún servizo de aloxamento.

Destaca o uso da banca online, que empregan o 76,9 % dos galegos, cun crecemento de cinco puntos no último ano, o que mantén este indicador cinco puntos por encima da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de internet

O 80 % dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia mellorou seis postos no ranking de comunidades autónomas dende 2020 e pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

O 94,4 % dos fogares galegos onde residen persoas de 16 a 74 anos contan con conexión a internet, subindo un punto no último ano, case tres veces máis que a media do Estado, e sitúase así a só dous puntos porcentuais.

Interacción coas administracións públicas a través de Internet

O 83,5 % dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das administración públicas nos 12 últimos meses, por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto porcentual. Tamén se supera a media estatal dos que descargan formularios oficiais para ser cubertos. En Galicia fixérono o 52,3 % dos usuarios de internet, nos últimos doce meses, e en España, o 49 %. Así, Galicia ocupa o terceiro posto no ranking estatal.

Ademais da descarga de formularios, os trámites máis frecuentes realizados online coa administración son: un 64,8 % realiza algunha interacción relacionada coa información, o 52,3 % accede a información persoal almacenada e o 50,3 % solicita información sobre servizos, prestacións ou impostos.

A contribución da Rede CeMIT á mellora das competencias dixitais

A labor das 94 aulas da Rede ten contribuído de xeito importante á capacitación dixital dos galegos. Actualmente, a Rede está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación para adaptar a formación e o equipamento á evolución tecnolóxica. No marco deste plan, este ano, dotouse ás aulas de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de programación e drons, e preto de 900 persoas de todas as idades xa se beneficiaron de formación con estes dispositivos. Tamén se impartiu un curso básico de IA, dirixido especialmente a persoas maiores de 55 anos, que se pechou esta semana con máis de 220 participantes, cun elevado grao de satisfacción.

Ademais, estanse a renovar 1.300 ordenadores de sobremesa, e adquiríronse 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais. A previsión é completar a distribución deste novo material no primeiro trimestre de 2024.

Durante este ano a Rede ofertou máis de 48.000 horas de formación e, para o 2024, está previsto unha nova edición do ciclo formativo de Intelixencia Artificial. Así mesmo, e estase a colaborar coa Federación Galega de Universidades Senior (FEGAUS), para levar a cabo ciclos formativos con contidos baseados nas áreas do marco europeo de competencias dixitais, e coa posta en marcha dunha iniciativa sobre banca dixital.

Impulsaranse, ademais, novas iniciativas en colaboración cos colexios profesionais de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPEIG e CPETIG) e coa Cruz Vermella, ao que hai que sumar todas as actividades de capacitación e talento dixital que impulsan as propias aulas.