Mar Pereira destaca a oportunidade que representa a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade para fomentar o talento feminino neste ámbito

Mar Pereira.
9Mar

Mar Pereira destaca a oportunidade que representa a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade para fomentar o talento feminino neste ámbito

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurou, xunto con reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, unha xornada de debate sobre mulleres e ciberseguridade
  • A Xunta ten en marcha iniciativas dirixidas a fomentar o talento feminino, como Girl Steam, e convoca para o mes de abril un evento de dous días sobre “Talento de mulleres en ciberseguridade”
  • A directora da Axencia destacou que en dous anos, España necesitará máis de 83.000 profesionais neste ámbito, o que implica que a demanda de especialistas en ciberseguridade dobrará á oferta
  • Actualmente, un de cada tres empregos en ciberseguridade é ocupado por mulleres, o que supón un crecemento significativo dende hai cinco anos, cando eran un de cada dez

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe o escenario de oportunidades laborais no ámbito da ciberseguridade para os vindeiros anos e destacou os esforzos que realiza a Xunta de Galicia para fomentar o talento feminino e reducir a fenda de xénero.

Mar Pereira participou esta mañá na inauguración da xornada da Universidade de Vigo sobre “Mulleres e ciberseguridade”, xunto co reitor, Manuel Reigosa. Os debates contaron coa participación de Susana Rey , delegada de Protección de Datos de R; Belén Pérez, directora de seguridade da información de Nueva Pescanova, e Esther Mateo, directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Coporativos de ADIF. A mesa foi moderada pola coordinadora do Máster Inter-universitario de Ciberseguridade das universidades de Vigo e A Coruña, Ana Fernández Vilas.

A directora da Amtega lembrou que en Galicia, soamente o 5,05% das empresas que dispoñen de perfís tecnolóxicos contan con persoas empregadas especializadas en ciberseguridade. Trátase dunha porcentaxe moi simular á do resto das Comunidades Autónomas españolas. Engadiu que, cara a 2024, a demanda de talento en España neste campo dobrará á oferta, ata superar a cifra de 83.000 profesionais. Destacou tamén que na actualidade, un de cada tres empregos en ciberseguridade é ocupado por mulleres, cando hai cinco anos era un de cada dez.

Subliñou que a Xunta traballa para avanzar na equidade de xénero neste proceso. A creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que comezará a construírse este ano cun investimento de 3,5 millóns de euros, representa unha oportunidade para o fomento e atracción de talento feminino neste ámbito.

Nese contexto de crecemento da ciberseguridade e resposta ante as novas ameazas, a Xunta de Galicia ten en marcha iniciativas ás que se destinan máis de 18 millóns de euros. Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballa na definición da nova Estratexia galega de Ciberseguridade 2022-2027.

Xornadas para o fomento do talento feminino

Mar Pereira anunciou que a Axencia ten convocado para os días 21 e 22 de abril un evento sobre o “Fomento do talento feminino en ciberseguridade”. Estas xornadas estarán dirixidas a persoas no último ano da ESO, en estudios preuniversitarios ou na Universidade. O segundo día estará dedicado a titoría e, entre as nove da mañá e as seis da tarde, estudantes e profesionais poderán asistir, con cita previa, a sesións individuais de 30 minutos para resolver dúbidas e inquedanzas concretas no ámbito da proxección educativa e profesional en ciberseguridade.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha outras iniciativas para fomentar as vocacións femininas, como GirlSteam, que consiste nun programa de obradoiros de experimentación tecnolóxica orientados a facer visible o papel das mulleres nos sectores tecnolóxicos.

Sobre ciberseguridade, a Axencia ten en marcha o programa “Ciberseguranza Kids”, con xornadas lúdico formativas en formato de contacontos para a divulgación de conceptos sobre o uso seguro das tecnoloxías en centros educativos. Na súa primeira edición acompañouse da publicación do conto dixital “Ciberseguridade con Sofía”, que relata a histora dunha nena que vai resolvendo as súas inquedanzas sobre a ciberseguridade e o uso seguro de internet coa axuda da súa nai.

Ademais da posta en marcha dunha campaña de concienciación cidadá, a Xunta desenvolve outras accións específicas, como os encontros con persoas expertas en ciberseguridade enmarcados nos Webinars Transforma Tech; as xornadas IuristicGal sobre informática xudicial e delitos informáticos; o curso de Análise Forense; o curso de introdución aos fundamentos do Blockchain ou as accións formativas na rede de aulas CeMIT.