Nova convocatoria de probas de certificación ComDix-Iniciación

Comdix
19Feb

Nova convocatoria de probas de certificación ComDix-Iniciación

A AMTEGA CONVOCA MAIS DE 1.350 PRAZAS NA PRIMEIRA CONVOCATORIA DO ANO PARA OBTER A CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS (COMDIX)

  • Primeira convocatoria para o ano 2025 das probas de certificación para a cidadanía no seu nivel iniciación, baseadas no Marco Galego de Competencias Dixitais e aliñado co marco europeo DigComp 2.2.
  • As probas realizaranse os días 2-3 e 4 de abril de forma presencial nas aulas CeMIT distribuídas en 50 concellos de toda Galicia.
  • Esta certificación, que emite a Amtega, acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional de forma efectiva, segura, crítica, creativa e cívica.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vai publicar este venres 21 de febreiro no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se convocan un total de 1.360 prazas de carácter libre para a obtención da certificación galega en competencias dixitais no seu nivel Iniciación (ComDix Iniciación).

Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía en xeral e ten como finalidade que poidan acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional

Estas probas de certificación compleméntase coa posta a disposición das persoas interesadas de contidos formativos en liña, en réxime de autoformación e de uso voluntario, para adquirir os coñecementos, habilidades e actitudes dixitais.  O programa de autoformación está conformado por un itinerario formativo que abarcan as 5 áreas e 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais. Estes contidos de preparación estarán dispoñibles dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://formacion-cemit.xunta.gal/)

Esta edición de probas ComDix -Iniciación terá lugar os dias 2-3-4 de abril en diferentes horarios e localizacións. A inscrición a estas probas poderá realizarse a través da Rede CeMIT dende o día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro, inclusive, sendo os únicos requisitos o de ser maior de 16 anos e usuario/a da rede CeMIT.

Os lugares, datas e horarios de cada unha destas edicións poden consultarse mais detalladamente na páxina web da rede CeMIT https://cemit.xunta.gal, na que figura a calendarización das probas presenciais a celebrar nos seguintes 50 concellos de Galicia:

Abegondo, Ames, Betanzos, Boiro, Brión, Cerceda, A Coruña, Fisterra, Melide, Narón, Oroso, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santa Comba e Vimianzo na provincia de A Coruña;  Barreiros, Burela, Carballedo, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Riotorto, Sarria e O Vicedo na provincia de Lugo;  O Barco, Boborás, Castrelo de Miño, Celanova, Leiro, Ribeiro (Beade) e Vilar de Santos na provincia de Ourense; e Campo Lameiro, A Cañiza, Cuntis, A Estrada, Lalín, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Tomiño, Valga, Vigo e Vilagarcía na provincia de Pontevedra.

Tras a finalización do prazo de inscrición, entre as persoas que solicitasen praza para a proba, realizarase un sorteo para establecer a orde de prelación para adxudicar as mesmas, no caso de que existan mais persoas solicitantes que prazas convocadas nas diferentes aulas que realizarán as probas presenciais.

Avaliación

Para obter o ComDix Iniciación é preciso superar un cuestionario de 60-70 preguntas tipo test de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco Galego ComDix, considerándose aptos/as aquelas persoas que superen o 70% do total das preguntas e o 60% das preguntas referentes a cada unha das seguintes 5 áreas:

  • Información e datos
  • Comunicación e colaboración
  • Creación de contido dixital
  • Seguridade e privacidade
  • Contorna dixital e solución de problemas

 

Mais información sobre esta convocatoria en https://cemit.xunta.gal/gl/convocatorias-probas-de-certificacion-2025