Nova convocatoria de probas de certificación ComDix-Iniciación
A AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA NOVAS PROBAS PARA OBTER A CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS, NO SEU NIVEL INICIACIÓN
- As inscricións poden realizarse desde o luns 19 de xaneiro ata o mércores 28 de xaneiro incluído
- As probas realizaranse os días 25, 26 e 27 de febreiro de forma presencial nas aulas CeMIT de varios concellos de Galicia
- Esta certificación acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica o venres 16 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia a convocatoria probas de carácter libre para obter a Certificación galega en competencias dixitais no nivel Iniciación (ComDix Iniciación). As inscricións poden realizarse desde o luns 19 ata o vindeiro 28 de xaneiro incluído, a través da Rede CeMIT.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. As probas realizaranse os días 25, 26 e 27 de febreiro.
Os lugares, datas e horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario das probas presenciais nas aulas CeMIT de varios concellos de Galicia, e dende donde se poderán realizar todos os trámites relacionados con esta convocatoria, dende a inscrición ata a consulta de persoas admitidas.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nas listaxes de espera.
Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais. Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.