Poio achega á cidadanía formación en redes sociais e tramitación telemática

Aula CeMIT de Poio.
19Xul

Poio achega á cidadanía formación en redes sociais e tramitación telemática

Concellería de Mocidade de Poio impulsou para este verán un completo programa formativo centrado en novas tecnoloxías. En concreto, a aula CeMIT de Combarro acollerá catro sesións sobre a utilización das redes sociais e a tramitación de xestións burocráticas en liña (dúas clases por cada obradoiro).

A primeira delas celebrouse o 13 de xullo pero repetirase o 10 de agosto. Neste caso, as persoas inscritas recibirán formación para aprender a sacar o maior rendemento posible aos seus perfís en redes sociais como Facebook ou Instagram. Asemade, tamén se fará fincapé en consellos e recomendacións para realizar un uso seguro destas ferramentas. Esta formación está dirixida a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos.

Con respecto á segunda actividade, trátase dun curso sobre tramitación telemática, grazas á cal os e as participantes poderán aprender a realizar xestións como solicitar cita médica, reservas para residencias ou cubrir a documentación necesaria para adquirir unha beca. Estas clases serán o 14 de xullo e o 11 de agosto. En todos os casos, as sesións serán de 10.30 a 12.30 horas.

A concelleira de Mocidade informa de que as prazas son limitadas e que os obradoiros cumprirán con todas as medidas sanitarias pertinentes. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo chamando ao 986 872 401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org.