
A rapazada de Valga prosegue a súa formación tecnolóxica na Aula CeMIT
O Concello de Valga deu continuidade á súa formación tecnolóxica para a rapazada neste remate de agosto, logo das sesións de hai uns días das que falamos. Fíxoo na Aula CeMIT, onde se impartiu un novo obradoiro sobre últimas tecnoloxías dirixido á mocidade local: unha actividade de divulgación dirixida a potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte que resulten atractivos para os participantes.
No novo obradoiro déronse cita un grupo de mozos de entre 12 e 15 anos aos que a docente Paula Tubío explicou como funcionan os circuítos eléctricos para que, despois, eles mesmos puxeran en práctica o aprendido con figuras en papel. Ademais, divididos en grupos, tamén gravaron as súas propias curtametraxes en formato stop motion. Empregando papel, luces LED e outros materiais, crearon as súas propias personaxes coas que foron xerando movemento.
Este obradoiro forma parte dun programa de actividades impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG). O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”.