Trenor destaca o papel fundamental das aulas CeMIT para alcanzar unha transformación dixital universal

Participantes na visita á aula CeMIT de Ames.
4Dec

Trenor destaca o papel fundamental das aulas CeMIT para alcanzar unha transformación dixital universal

  • O delegado da Xunta visitou o centro situado no concello de Ames no que se levou a cabo a renovación dos seus equipamentos informáticos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá a renovación do equipamento realizado na aula CeMIT que ofrece os seus servizos desde o concello de Ames. Concretamente, grazas ao apoio da Xunta adquiríronse 15 ordenadores All in One, 10 tablets, equipamento complementario e material innovador (2 impresoras 3D, 1 kit de robótica, 5 drons, 2 gafas virtuais e un kit de programación). Trenor lembrou o papel fundamental da rede pública de aulas CeMIT para acadar unha transformación dixital inclusiva e universal.

Na visita o delegado da Xunta puido constatar o interese que este tipo de aulas e a formación que se imparte desperta entre a cidadanía e recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.

Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o delegado da Xunta fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.

Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:http://cemit.xunta.gal/centros.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de "aula aberta", que posibilita o acceso libre e gratuíto dos usuarios da utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.