Unha decena de rapaces de Valga convértense en especialistas TIC na Aula CeMIT

Dúas nenas e un neno experimentando con tecnoloxía.
21Ago

Unha decena de rapaces de Valga convértense en especialistas TIC na Aula CeMIT

Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal, acolleu este xoves 17 de agosto unha sesión práctica de experimentación tecnolóxica na que participaron unha decena de nenos e nenas do termo municipal con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos de idade.

Esta iniciativa, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), ten como obxectivo “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”. Neste caso os rapaces, dirixidos pola docente Paula Tubío, traballaron na elaboración de circuítos eléctricos con papel e, a despois, crearon unha peza audiovisual en formato stop motion. Para iso, deseñaron e deron forma a diferentes personaxes con materiais coma cartolina, plastilina ou pompóns.

A vindeira semana, o venres 25, celebrarase na mesma localización un segundo obradoiro dirixido a mozos de 12 a 15 anos que poderán experimentar coa creación de tecidos intelixentes. Os participantes aprenderán a programar sensores para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación, etc. As inscricións poden realizarse a través da Rede CeMIT ou de xeito presencial no Concello ou no Auditorio. A través destas actividades trátase de “potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte para que as sesións resulten máis atractivas para os participantes”.