A veciñanza de San Sadurniño aprenderá como empregar as aplicacións do SERGAS e como acceder ao certificado de vacinación

Pantallazos da app Sergas Móbil.
29Xul

A veciñanza de San Sadurniño aprenderá como empregar as aplicacións do SERGAS e como acceder ao certificado de vacinación

A aula CeMIT de San Sadurniño vai achegar á cidadanía, no que resta de ano, unha completa axenda de cursos sobre temas moi diversos relacionados coas TIC, ademais de “solucionar dúbidas ou outras necesidades que lles poidan xurdir ás persoas usuarias da Internet”. Por exemplo, o uso dos aplicativos en liña para obter a Chave365, descargar os certificados de vacinación e utilizar a ferramenta SERGAS Móbil. Por esta razón, de cara ao mes de agosto e principios de setembro, o servizo organiza varios cursos específicos por videoconferencia que se verán reforzados con sesións presenciais nas distintas parroquias para axudar á veciñanza a facer todos estes trámites.

O curso por videoconferencia abordará catro temas principais: como acceder ao certificado de vacinación contra a COVID-19, que é a Chave365 e cal é o procedemento de descarga e instalación da aplicación SERGAS Móbil, así como a información que contén e as xestións que se poden facer con ela. A maiores tamén se mostrará que son os códigos QR e como podemos lelos co móbil. Esta acción formativa impartirase todos os mércores de 10.00 a 11.30h desde o 4 de agosto até o 1 de setembro. Porén, a responsable da aula, Carmen Suárez, tamén programou sesións presenciais nos locais sociais das sete parroquias, que se desenvolverán con cita previa e de maneira individual entre as 10 e as 13.00h nas seguintes datas e lugares: 

  • 2, 6, 30 de agosto e 3 de setembro – Aula CeMIT de San Sadurniño 
  • 9 de agosto – Local social de Lamas 13 de agosto – Local social de Santa Mariña do Monte 
  • 16 de agosto – Local social de Naraío 
  • 20 de agosto – Local social de Bardaos 
  • 23 de agosto – Local social da Seara (Ferreira) 
  • 27 de agosto – Local social de Igrexafeita 

As reservas para o curso por videoconferencia e as solicitudes de cita previa para a atención presencial nos locais hai que facelas no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.