Vilagarcía achega 17 cursos tecnolóxicos de balde ao abeiro do seu programa de inclusión dixital
A Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía puxo en marcha este luns 7 de marzo unha nova edición do Programa de Inclusión e Capacitación Dixital a desenvolver entre marzo e decembro na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos. A carta de cursos entre os que elixir amplíase este ano ata as 17 accións formativas, cuxa realización será de carácter gratuíto para os participantes.
Segundo informa o Concello, os cursos divídense en cinco bloques temáticos tendentes a “garantir aos usuarios o coñecemento e manexo das novas tecnoloxías con carácter xeral, o uso do DNI e identificacións electrónicas, o acceso á Administración Electrónica e mesmo a procura de emprego”. Os interesados xa poden inscribirse a partir do luns, 7 de marzo, no Centro de Matosinhos ou chamando ao teléfono 986 511620. A proposta formativa deseñada polo departamento que dirixe Alba Briones diríxese a persoas maiores de 18 anos e está orientada a mellorar a capacitación dixital dos vilagarciáns mediante a “realización de diversos cursos que lles permitan acadar os coñecementos necesarios para facilitar a súa inclusión dixital e reducir a fenda dixital”. Os cursos están adaptados aos diversos niveis de coñecemento dixital dos usuarios. O primeiro dos cinco bloques nos que se divide o programa é precisamente o de Inclusión Dixital, orientado a usuarios que descoñecen a materia e desexen adquirir coñecementos básicos. Nel ofértanse os cursos de Iniciación á informática e Internet, Correo electrónico: Webmail, Seguridade na Rede e Inclusión dixital en dispositivos móbiles.
O segundo bloque é o de Ofimática en Software Libre que se impartirá en nivel de iniciación e avanzado en función das necesidades e coñecementos previos dos usuarios. Os cursos que se ofertan neste apartado son os de Procesador de textos, Folla de cálculo, Elaboración de presentacións e Bases de datos.
O terceiro bloque, xa para usuarios con máis coñecementos, é o de Capacitación Avanzada en Ferramentas TIC. As temáticas dos cursos son as de Deseño de páxinas web con Wordpress, Deseño de contidos interactivos. Canva e Genially, Sincronización de dispositivos e control parental; Cloud Computing e de Retoque Fotográfico.
O cuarto bloque temático do programa céntrase na Orientación ao Emprego e nel impartiranse os cursos de Redes Sociais e procura de emprego e Deseño dun perfil profesional.
Por último, inclúese o bloque de Administración Electrónica e E-Administración, que é segundo o Concello “un dos máis demandados en vista de que cada vez é máis necesario ter uns coñecementos previos para poder relacionarse coas administracións públicas e realizar calquera tipo de trámite”. Neste apartado impartirase un curso sobre O uso do DNI-E. Chave, PIN e Certificado dixital e outro sobre Trámites electrónicos e administración electrónica. A Sede Electrónica do Concello de Vilagarcía.
As accións formativas realizaranse baixo demanda, polo que se permitirá escoller tanto o contido dos cursos como a súa orde de impartición. Do mesmo modo, permitirase repetir os cursos que se considere preciso. A duración de cada acción formativa oscila entre as 4 e as 30 horas, dependendo do tema a tratar e da súa complexidade ou dimensión do temario. Todos os cursos impartiranse de forma presencial na aula CeMIT do Centro de Matosinhos en grupos reducidos de entre 10 e 19 alumnos.