Volven en Ribeira os cursos de informática de verán para a rapazada

Presentación das novas actividades.
14Xuñ

Volven en Ribeira os cursos de informática de verán para a rapazada

O Concello de Ribeira presentou este 14 de xuño as novas actividades formativas que ofrece esta tempada de verán a Aula CeMIT local, todas elas co nexo común de axudar á rapazada a dixitalizarse e mellorar o seu currículo en materia tecnolóxica. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Juana Brión, acompañada do axente TIC, Manuel Bello, deron a coñecer estas novas accións formativas gratuítas, que ademais de celebrarse na súa sede en Cubeliños viaxarán tamén ás parroquias de Aguiño e Olveira no ánimo de seguir descentralizando por parte do Concello este tipo de actividades.

As inscricións darán comezo ás 9 da mañá de mañá mércores 15 e estarán abertas ata o 25 de xuño. Pódense formalizar na propia aula ou ben a través da páxina web da mesma.

Tocante ao programa, no mes de xullo, haberá cursos de mecanografía-Write para nenos e nenas de 8 a 15 anos e inicio ao programación con Scratch para nenos de 12 a 15. En agosto haberá cursos de informática básica (para nenos de 8 a 12) e de deseño con Canva (de 12 a 15). E no que se refire ás parroquias, os cursos que se desenvolverán en xullo e agosto serán de informática básica e internet, estando dirixidos a nenos de 8 a 12 anos. En Aguiño terán lugar na Aula Multimedia xunto á sede da Confraría, e en Olveira na Casa de Cultura de Bretal. Cómpre ter un mínimo de catro persoas para poder celebralos. Así mesmo, a concelleira e o axente TIC informaron de que tanto os martes como os xoves de verán en horario de 9 a 10 horas a Aula CeMIT permanecerá aberta para todas aquelas persoas que desexen utilizar os seus ordenadores para realizar xestións e outras tarefas.