A Xunta convoca novas probas para obter a certificación galega de competencias dixitais (COMDIX), no seu nivel Intermedio

- - As probas realizaranse entre os días 7 e 16 de outubro de forma presencial nas aulas CeMIT de 48 concellos de toda Galicia.
- - As inscricións poden realizarse desde o mércores 2 ata o venres 11 de setembro incluído.
- - Esta certificación acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecno-loxías dixitais no eido persoal, social e profesional.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026.- A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), abre este mércores, 2 de setembro, o período de inscrición para 2.090 novas prazas cara a obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Intermedio, e que terán lugar en 48 localidades con aula CeMIT.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.
As probas realizaranse os días 7, 8, 9, 10, 15 e 16 de outubro repartidas en 170 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16:30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.
Os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario destas probas presenciais nas 48 Aulas CeMIT e dende se pode realizar e consultar toda a tramitación e inscrición neste proceso.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nas listaxes de espera.
Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT (https://formacion-cemit.xunta.gal) pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais.
Para obter o certificado ComDix Intermedio é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Novas convocatorias neste segundo semestre do ano 2026
A través desta nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, realizaranse dúas novas probas de certificación para a obtención do ComDix correspondentes ao segundo semestre deste ano.
Así, a estas probas de nivel Intermedio seguirá outra de certificación ComDix no nivel Iniciación que se celebrará os primeiros días do mes de decembro, completando así un total de 5 convocatorias realizadas durante este ano e que terán continuidade periódica durante o 2027.
Polo momento, durante o ano 2026 convocáronse 3.108 prazas para obtener a certificación de competencias dixitais (ComDix), tanto no seu nivel iniciación (2.058) como no seu nivel intermedio (1.050).
A estas probas se presentaron un total de 1.795 persoas, das que preto de 1.313 obtiveron a certificación, máis dun 70% das que se presentaron.