A Xunta destina 400.000 € a subvencionar accións para a inclusión dixital da cidadanía a través das aulas CeMIT

Aula CeMIT.
16Feb

A Xunta destina 400.000 € a subvencionar accións para a inclusión dixital da cidadanía a través das aulas CeMIT

  • As axudas irán destinadas, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, ás aulas de referencia localizadas en 35 municipios
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha un convenio coa Fegamp enmarcado na reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT
  • O Plan de ampliación e reforma permitirá ampliar o número de aulas, así como dotalas coas tecnoloxías máis avanzadas, con investimentos ata 2025 que suman cerca de 23 millóns de euros

O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe destinar algo máis de 400 mil euros a subvencionar este ano actividades nos 35 centros que xa acadaron as condicións para ser consideradas aulas de referencia da rede CeMIT. Estas subvencións irán destinadas á realización de actuacións en materia de inclusión dixital da cidadanía, sobre todo en ámbitos rurais.

Estas subvencións están enmarcadas no convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que prevé destinar 813.000 euros anuais entre 2023 e 2025 ás administracións locais a través da Fegamp. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondéndolles ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000 € e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251 €.

O acordo coa Fegamp forma parte do Plan de reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT, actualmente en marcha, e que suporá un investimento de 22.776.304 € ata 2025 para abordar a transformación física e arquitectónica dos centros, a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro, a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco galego de competencias dixitais.

Dotación tecnolóxica punteira

Está previsto que nas vindeiras semanas as aulas da Rede CeMIT conten con equipamento tecnolóxico innovador composto por impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.

Marco galego de competencias

A Rede CeMIT é un dos instrumentos clave para acadar o obxectivo marcado polo Compoñente 19.I1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España de formar a máis de 45.000 persoas ata 2025. E neste senso, o pasado mes de decembro de 2022 abriuse a convocatoria da actividade «ComDix Iniciación - Formación para persoal formador» que rematará neste mes de febreiro coa primeira proba presencial que dará acceso aos formadores da Rede CeMIT a capacitar e certificar a cidadanía no novo Marco de competencias dixitais.

Por último, reforzaranse os servizos dixitais (os espazos web do proxecto, a plataforma formativa en liña...) e o seu soporte e mantemento, como medida transversal para contribuír ao fortalecemento de todas as liñas de actuación. Con este fin, a Axencia licitou un acordo marco para a elaboración de contidos formativos e ou desenvolvemento de plataformas e servizos dixitais cun orzamento de 1.620.450 €.

Máis de 100.000 persoas usuarias

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros en 52 comarcas. Conta con máis de 100.000 persoas usuarias. Delas, un 59,62 % son mulleres e destaca o uso maioritario por parte das persoas que teñen entre 45 e 54 anos, que supoñen un 22,86 % dos usuarios totais. As persoas de 55 e máis anos representan o 27,82 % dos usuarios, unha porcentaxe que se incrementou nun 31 % desde os inicios da Rede CeMIT, xa que en 2012 era do 21 %.

Na Rede ofertáronse, desde 2011, máis de 500.000 horas de formación que, unidas ás restantes iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para lograr a inclusión dixital, contribuíron a que o 87,1 % dos galegos e galegas empreguen internet, segundo os últimos datos do INE. Esta porcentaxe supón un incremento de máis do 85 % con respecto ao dato de 2010, cando a usaba o 47 %.