A Xunta destina máis de 22 millóns de euros á inclusión dixital nos concellos de Galicia

O presidente da FEGAMP e o director da AMTEGA.
25Out

A Xunta destina máis de 22 millóns de euros á inclusión dixital nos concellos de Galicia

Santiago de Compostela
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou hoxe ás entidades locais o plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT
  • A este acto virtual convidouse ás 91 entidades locais que dispoñen dunha aula CeMIT e contou coa participación de máis de 80 asistentes
  • Amtega e a Fegamp apostan por renovar a súa colaboración a través dun novo convenio que regula as condicións para que os concellos galegos poidan beneficiarse dun Plan que conta cun investimento de máis de 22 M€ até 2025.
  • Os concellos que queiran adherirse contarán con beneficios como a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro, máis apoio formativo, redeseño arquitectónico das aulas CeMIT e servizos dixitais máis innovadores.
  • O Plan incorpora tamén medidas que permitirán implementar en Galicia un modelo formativo adaptado ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, aliñado á súa vez co marco europeo.

A Xunta de Galicia destina un orzamento de 22.776.304 euros ata 2025 para que as administración locais, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), realicen actuacións en materia de inclusión dixital.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou hoxe aos concellos o plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT, no marco do convenio subscrito coa FEGAMP. Á sesión foron invitadas 91 entidades locais e contou coa participación de máis de 80 asistentes.

Entre os principais beneficios do plan destacan actuacións como a dotación tecnolóxica punteira (impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación así como ordenadores All-In-One, pantallas interactivas, equipamento inclusivo para persoas con discapacidade, sistemas de videoconferencia, tablets, libros electrónicos e complementos audiovisuais), a transformación física e arquitectónica dos centros cara un modelo máis flexible, a posta en marcha dunha aula móbil e o reforzo formativo e dos servizos dixitais (os espazos web, a plataforma formativa online, a plataforma de xestión...).

Na presentación tamén se informou aos concellos e ás entidades locais que contan actualmente cunha aula CeMIT que teñen ata o 30 de decembro para adherirse a este Plan para o que se habilitou unha ligazón para consultar toda a documentación referida a este proceso incluíndo os compromisos e implicacións a asumir por parte das entidades locais.

O convenio continúa a regular tamén a subvención económica outorgada a aquelas aulas que, polo seu nivel de actividade, son consideradas “de referencia”. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes que ostenten esta condición unha subvención de 15.000€ e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251€.

Adicionalmente, o plan tamén contempla no futuro a posibilidade de ampliar novas aulas CeMIT nas entidades locais que actualmente non formen parte da Rede CeMIT e estean dispostas a asumir os compromisos de dinamizar e impulsar as competencias dixitais.

O acto contou coa representación institucional do director da Amtega, Julián Cerviño, o presidente da Fegamp Alberto Varela e o director de área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, que conxuntamente reiteraron a importante labor que levan a cabo os concellos para achegar a inclusión e a capacitación dixital á cidadanía galega e detallaron os beneficios aos que poderán optar as entidades locais que se adhiran ao Plan.

O 60% das persoas usuarias da rede CeMIT son mulleres

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas. Ten entre os seus obxectivos os de promover o uso da tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.

Neste sentido, a rede conta con máis de 100.000 persoas usuarias, das que un 59,77% son mulleres. Dende 2011 lévanse impartidas cerca de 500.000 horas de formación. A rede conta con máis de 980 “aliados dixitais” entre empresas, entidades e persoas voluntarias.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:http://cemit.xunta.gal/centros.