A XUNTA E O BANCO DE ESPAÑA IMPULSAN UNHA NOVA EDICIÓN DAS SESIÓNS FORMATIVAS “FINANZAS PARA TODOS” NA REDE CEMIT

12Xuñ

A XUNTA E O BANCO DE ESPAÑA IMPULSAN UNHA NOVA EDICIÓN DAS SESIÓNS FORMATIVAS “FINANZAS PARA TODOS” NA REDE CEMIT

As actividades terán lugar entre os meses de xuño e outubro en aulas de 5 concellos galegos 

O obxectivo é facilitar aos participantes coñecementos básicos e ferramentas para o manexo das finanzas de forma responsable e informada nunha contorna dixital

 

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Banco de España,  pon en marcha unha nova edición da iniciativa “Finanzas para todos”, unha iniciativa orientada a mellorar a educación financeira da cidadanía e a reforzar a súa capacidade para tomar decisións económicas de maneira segura, responsable e informada.

 

As sesións comezarán o vindeiro 17 de xuño na aula CeMIT de Celanova e continuarán ata outubro nas aulas CeMIT de Abegondo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e A Coruña-Centro Cívico de Eirís.  A iniciativa estrutúrase, un ano máis, en dous itinerarios formativos, cada un deles organizado en dúas sesións e cunha duración total de 7,5 horas.

 

Contido das sesións

O primeiro dos itinerarios estará centrado na xestión das finanzas persoais. Abordaranse cuestións como a elaboración dun orzamento, a identificación e clasificación de ingresos e gastos, o aforro, o investimento ou o endebedamento. Estes contidos servirán como base para que as persoas participantes poidan adquirir hábitos financeiros máis seguros e saudables.

 

Ademais, a formación incluirá exercicios prácticos relacionados co uso de contas bancarias, tarxetas e diferentes medios de pagamento. Tamén se prestará especial atención á prevención da ciberdelincuencia, ofrecendo pautas para actuar con maior seguridade nas operacións financeiras habituais a través de medios dixitais. 

 

O segundo dos itinerarios servirá para afondar nos temas tratados no itinerario I para ampliar a confianza da cidadanía no manexo das súas finanzas. 

 

Durante as sesións formativas empregaranse ferramentas dixitais, como LibreOffice ou simuladores..., que facilitarán a aprendizaxe práctica e contribuirán ao desenvolvemento das competencias dixitais, ao tempo que se fomentan as vantaxes da dixitalización para controlar o orzamento, analizar gastos, buscar información ou comparar produtos ou servizos financeiros…) e se crea consciencia dos riscos do dixital e, en particular, nas decisións financeiras cotiás.

 

As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.