 
      
A XUNTA PON EN MARCHA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA “TECH KIDS” PARA IMPULSAR O TALENTO DIXITAL DA RAPAZADA.
      
            
  
    
      
  
   
      
    
	- A iniciativa, organizada en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, ten por obxecto poñer en práctica o talento dixital e a capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.
- Está dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que recibirán formación de deseño en 3D, programación, pilotaxe de drons, ou realidade virtual.
- Tras as sesións formativas, os participantes abordarán retos tecnolóxicos en equipos integrados por persoas de diferentes xeracións.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha unha nova edición do programa “Tech Kids”, dirixido á rapazada baixo o lema “Argallando entre xeracións” co obxecto de poñer en práctica o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.
As actividades comezan o vindeiro 16 de xullo na aula CeMIT de Valga e desenvolveranse ata o mes de setembro a través de sesións formativas cunha duración de 7.5 horas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais celebrarase unha sesión formativa no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura.
As persoas interesadas en participar, poderán inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT.
Contido do Programa
Celebraranse a través das aulas da Rede CeMIT 11 cursos con 3 sesións formativas de 2.5 horas de duración que terán un carácter demostrativo-experimental, nas que se exporán varias aplicacións e usos dos diferentes equipamentos tecnolóxicos disruptivos dos que foron dotadas as aulas.
Durante as formacións poderán abordarse algunhas das seguintes temáticas: as sesións orientaranse tanto á xeración de ideas e invencións como ao uso das tecnoloxías disruptivas presentes nas aulas CeMIT para implementalas (deseño e fabricación 3D, robótica educativa con MicroBit, programación de videoxogos, experimentos con condutividade electrónica e programación e drons).
A partir desta aprendizaxe, sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico interxeracional que mesture a tecnoloxía e a innovación coa cultura e a tradición (grupos de persoas de distintas idades) que sirva como instrumento para impulsar a creatividade, o uso e aproveitamento do equipamento e materiais a través de proxectos autónomos que teña como base a formación recibida. (Para máis información pode visitarse a páxina web do reto).