A Amtega arranca hoxe os obradoiros de verán para incentivar as vocacións STEAM entre a rapazada de entre 8 e 15 anos en colaboración con Agasol e a Rede CeMIT
- As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembro nas aulas da Rede CeMIT de 16 concellos galegos.
- Este ano búscase a proximidade ao alumnado principalmente dos concellos máis pequenos do rural galego.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), arranca hoxe o Programa Girl Steam en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) co obxectivo de motivar e favorecer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando os estereotipos.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este ano, búscase principalmente o achegamento a aqueles municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comezou hoxe na aula CeMIT de Cuntis e durante esta primeira semana desenvolveranse xornadas tamén en Tomiño e Celanova ás que lle seguirán Carballedo, Fisterra, Guitiriz, Riotorto, Castrelo de Miño, Leiro, A Cañiza, Santa Comba, Ribadeo, Ortigueira, Betanzos, Arzúa, e adicionalmente este ano tamén celebrarase no Centro GaiásTech na Cidade da cultura.
Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. O aforo máximo por quenda será de 15 e as sesións dispoñibles poden consultarse a través da páxina web de CeMIT, desde onde se poderá reservar a praza e desde a web de DigiTalent.
Contido dos obradorios
O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma creativa e inspiradora, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Amtega e Agasol buscan con este programa visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e Agasol a nas liñas de acción do Plan DigiTalent da Xunta de Galicia que entre outros obxectivos ten os de estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas.
Calendario de realización dos obradoiros
- 4 de Xullo: Cuntis - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 5 e Xullo: Cuntis - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 6 de Xullo: Tomiño - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 7 de Xullo: Tomiño - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 8 de Xullo: Celanova - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 26 de Xullo: Santiago de Compostela Gaiás Tech - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 27 de Xullo: Santiago de Compostela Gaiás Tech - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 28 de Xullo: Carballedo - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 3 de agosto: Fisterra - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 4 de agosto: Fisterra - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 5 de agosto: Celanova - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 9 de agosto: Guitiriz - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 10 de agosto: Riotorto - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 11 de agosto: Guitiriz - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 16 de agosto: Castrelo de Miño - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 16 de agosto: Leiro - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 17 de agosto: Castrelo de Miño - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 17 de agosto: Leiro - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 18 de agosto: A Cañiza - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 19 de agosto: A Cañiza - Obradoiro Steam para rapazada (12 a 15 anos)
- 22 de agosto: Santa Comba - Obradoiro Steam para rapazada (12 a 15 anos)
- 23 de agosto: Ribadeo - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 23 de agosto: Ribadeo - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 25 de agosto: Ortigueira - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 26 de agosto: Ortigueira - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 29 de agosto: Santa Comba - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 30 de agosto: Betanzos - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 31 de agosto: Betanzos - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
- 1 de setembro: Arzúa - Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
- 2 de setembro: Arzúa - Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.