Ciberseguridade para un Nadal máis seguro
A Rede CeMIT ofrece formación en ciberseguridade para un Nadal máis seguro
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través da Rede CeMIT, pon en marcha unha nova edición da formación “Un Nadal máis ciberseguro”, orientada a ofrecer á cidadanía pautas prácticas para afrontar con maior seguridade os riscos dixitais propios destas datas. A primeira sesión celebrarase o 28 de outubro na aula CeMIT de Ponteareas.
As accións formativas, cunha duración aproximada de hora e media, desenvolveranse en sesións de mañá ou de tarde en 25 concellos galegos. O obxectivo é facilitar recomendacións sinxelas para realizar compras en liña seguras, detectar páxinas web ou ofertas sospeitosas e identificar fraudes relacionados con promocións comerciais, sorteos, loterías, falsas mensaxes e outras estafas habituais durante o Nadal.
A formación prestará tamén especial atención aos xoguetes intelixentes e dispositivos conectados, achegando consellos para a súa configuración e uso seguro. Esta edición incorpora, ademais, novos escenarios de fraude, exemplos actualizados e recursos de consulta adaptados ás ameazas dixitais actuais.
As persoas interesadas poden consultar as datas e aulas participantes na web da Rede CeMIT, así como a localización dos centros.
Relación datas e aulas participantes.