A Rede CeMIT impulsa a formación en ferramentas dixitais para a busca de emprego no marco das All Digital Weeks

26Mar

A Rede CeMIT impulsa a formación en ferramentas dixitais para a busca de emprego no marco das All Digital Weeks

 

A Rede CeMIT puxo en marcha a formación “Ferramentas dixitais para a busca de emprego”, unha actividade enmarcada nas All Digital Weeks, iniciativa europea orientada a mellorar as competencias dixitais da cidadanía e favorecer a empregabilidade.

A acción formativa deu comezo este 25 de marzo, na aula CeMIT da Coruña, onde se desenvolverá ata o vindeiro 13 de maio.

Trátase dunha proposta cun enfoque práctico orientado a achegar ferramentas e recursos clave para a busca activa de emprego nun entorno cada vez máis dixitalizado. En total, o programa suma 47 horas de formación, estruturadas en 6 sesións presenciais e 35 horas de estudo autónomo, que se desenvolverán ao longo de 8 semanas.

Durante a formación, as persoas participantes: 

  • Traballan estratexias para a busca de emprego en internet e o uso de portais especializados.
  • Aprenden a crear e optimizar perfís profesionais en liña.
  • Elaboran currículos dixitais e adaptan as súas candidaturas a ofertas concretas.
  • Practican entrevistas de traballo, incluíndo o uso de ferramentas de intelixencia artificial.
  • Desenvolven competencias dixitais, persoais e profesionais orientadas á empregabilidade.

Na sesión inicial participaron 6 persoas, un grupo interxeracional e intercultural, con presenza de distintos sectores profesionais: vendas, hostalería, turismo, administración e educación. A xornada estivo centrada na toma de contacto cos dispositivos electrónicos e no desenvolvemento de competencias dixitais básicas, adaptadas aos diferentes niveis de manexo do grupo.

Destacou especialmente o ambiente colaborativo, xerándose un espazo de aprendizaxe compartida marcado polas ganas de aprender e a participación activa de todo o grupo.

Dirixida especialmente a persoas maiores de 50 anos, a actividade combina autoformación en liña con sesións presenciais, favorecendo unha aprendizaxe progresiva, práctica e adaptada ás necesidades do alumnado.

Ademais, o curso tamén está dispoñible en modalidade 100% en liña a través da plataforma de teleformación da Rede CeMIT, o que permite realizalo con flexibilidade e ao ritmo de cada persoa. Máis información aquí.

A iniciativa pon o foco en reforzar a autonomía dixital, a confianza e a capacidade de adaptación das persoas participantes, contribuíndo a reducir a fenda dixital e mellorar as súas oportunidades de inserción laboral.

Desde a Rede CeMIT seguimos impulsando accións que combinan tecnoloxía, formación e igualdade de oportunidades.